BISPOS DO MINHO E GALIZA REUNIRAM-SE EM TUI
Onte máis dunha decena de bispos das provincias eclesiásticas de Braga (Portugal) e Santiago de Compostela acudiron a Tui para manter unha reunión de traballo e convivencia que, con periodicidade anual, se celebra cada vez nunha sede portuguesa ou galega diferente.
A biblioteca do Seminario Menor «San Paio» acolleu a reunión, na que se trataron temas relacionados coa iniciación cristiá e co catecumenado de adultos.
A continuación, os bispos visitaron a catedral tudense de Santa María no marco do Ano Xubilar que a diocese de Tui-Vigo está a celebrar con motivo do 800 aniversario da dedicación do templo catedralicio.
Nesta xornada, o deán da catedral, José Diéguez, procedeu á apertura do altar das Reliquias para a súa ostensión extraordinaria —é dicir, para a veneración das reliquias—.
Na reunión participaron varios bispos de Portugal, encabezados polo arcebispo de Braga, Mons. José Manuel García Cordeiro, así como os representantes das dioceses de Aveiro, Bragança-Miranda, Coimbra, Lamego, Porto, Viana do Castelo, Vila Real e Viseu.
Entre eles había bispos titulares, auxiliares e algúns eméritos.
Por parte de Galicia, asistiron o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco; o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Mons. Fernando García Cadiñanos; o bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos; o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto, acompañado polo emérito, Mons. Julián Barrio; e o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, acompañado polo emérito, Mons. Luís Quinteiro.
A provincia eclesiástica de Santiago está formada polas dioceses de Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e Tui-Vigo. Pola súa banda, a provincia eclesiástica de Braga está integrada polas dioceses de Braga, Aveiro, Bragança-Miranda, Coimbra, Lamego, Porto, Viana do Castelo, Vila Real e Viseu.
Na Igrexa católica, denomínanse provincias eclesiásticas as agrupacións de varias dioceses que teñen como finalidade promover unha acción pastoral común entre dioceses veciñas e fomentar, dun xeito máis adecuado, as relacións recíprocas entre os bispos diocesanos.
Para a súa configuración, de acordo co espírito do decreto conciliar Christus Dominus (nn. 39-40), téñense en conta as características sociolóxicas, históricas e xeográficas.
Fonte: Portugaliza112

Comentários
Enviar um comentário